SONSOLES CORDÓN
Galicia
Derma
“Derma”’ nace coa intención de fusionar o traballo de diferentes artistas cunha metodoloxía baseada no laboratorio, co obxectivo de explorar a escena e os espazos non convencionais a partir do movemento, a instalación, a plástica e o son, e tendo
como contexto temático como o paso do tempo reflíctese no noso corpo, no noso ser. Atopámonos na procura dunha proposta poliédrica onde corpo e artes plásticas conflúen e eclosionan para vertebrar un dispositivo artístico a medio camiño entre a peza-paisaxe e a instalación escénica e sonora. Para levar a cabo esta experimentación, Sonsoles Cordón, actriz, forma equipo con María Vermella, como ollo externo, Beatriz de Vega, como iluminadora e escenografa, Diego Buceta, como asesor de movemento, coa ceramista Verónica Moar, co musicólogo Carlos Suárez, Laura Albasi, como especialista sobre procesos de creación en espazos non convencionais, e coa artista visual Sabela Eiriz.
SONSOLES CORDÓN
Sonsoles Cordón estudou o Grao Superior en Arte Dramática na especialidade de Interpretación do Xesto pola ESAD de Galicia, con formación complementaria en Commedia dell’Arte polo ICAI de Venecia, danza clásica e contemporánea, cabaret, burlesque e danza tradicional galega. Como actriz desenvolve a súa carreira profesional no campo da escenografía e o audiovisual. Xunto á compañía Feira do Leste, estreou dous espectáculos: Exilio das Moscas (2016) e Tras Tannhäuser (2017), este último seleccionado no Programa de Creación Nova INJUVE 2017. Actualmente actúa como intérprete na compañía Butaca Zero en Después de las olas, obra gañadora do XVII Premio Rafael Dieste de Textos Teatrais. En paralelo coa súa empresa Belabesta Teatro, realiza espectáculos de narración oral (incluídos en programas como No verán… Un conto ou Ler conta moito). Desde 2014 traballa en colaboración co CSIC no proxecto Ciudad Ciencia co espectáculo infantil “¡Que trabajo más curioso! Compaxina a súa carreira como actriz coa docencia, impartindo cursos de teatro, cabaret, burlesque, danza e expresión corporal para nenos e adultos.