ELAHOOD
Galicia
Tumach
O xerme deste proxecto nace en setembro de 2022 no Centro Coreográfico da Gomera durante unha residencia de investigación. Neste espazo, a compañía, xunto coa asistencia da dramaturga Gena Baamonde, busca nos seus corpos a faísca para iniciar un novo proxecto. Así atopan no Waacking, unha disciplina na que Elahood especialízase desde hai anos, o punto de partida para Tumach. Esta nova liña de investigación céntrase nun dos elementos principais do Waacking, o drama. O drama no Waacking é unha hipérbole da emoción. Interésanos investigar este drama no corpo, a estética e a expresión. Isto lévanos a cuestións tan universais como o ridículo,o charramangueiro, o ridículo, a clase, a norma e o xénero. O drama no Waacking é unha hipérbole da emoción. Interésanos investigar este drama no corpo, a estética e a expresión. Investigar onde a entrega ten que ser recatada para non caer en sentimentalismo. O waacking é en esencia entrega, unha entrega á música, á emoción, á comunidade, ou á expresión sen medo ao ridículo. Neste proxecto buscamos investigar que pasa cando é demasiado. Cando a emoción deixa de ser lida como algo verdadeiro e pasa a ser lida como esaxeración, como inadecuada ou ridícula e onde este ridículo incomódanos e onde nos gusta. Exploramos así o goce da esaxeración.
ELAHOOD & GENA BAAMONDE
EIahood é unha compañía galega de danza urbana e creación contemporánea formada por Sabela Dominguez e Julia Laport no ano 2017. A compañía aposta por visibilizar as danzas urbanas como un medio de expresión lexítimo na danza profesional, sosteñen unha visión artística clara e directa, caracterizada por unha linguaxe visual e musical cunha mirada cara a fóra. En xaneiro de 2018 estrean o seu primeiro espectáculo de longo formato A Soidade de Wally. Tamén contan con pezas curtas para rúa e espazos non convencionais; Impermeable (2018), Protocolo (2018), NOUA (2019) e Desvendando os meus pés (2021) coas que participan en diversos festivais; Festival Corpo(a)Terra, Festival Rúa ExtCénica, Festival Vai de Rúa, Festival Quincegotas e Loop Festival en Portugal. A perspectiva de xénero e queer forma parte intrínseca da identidade de Elahood, motivándoas a presentar as súas creacións en contextos como o Festival Elas Son Artistas, o Proxecto de Acción Artística Violencia Zero ou o Festival Versión Orixinal, DT Espazo Escénico (Madrid). Profesionalmente, tamén colaboran con outras compañías na creación e interpretación de proxectos escénicos. Son coreógrafas e directoras do Colectivo D’elas. A súa actividade escénica vese acompañada dunha gran presenza na comunidade urbana, impulsando e participando en varios proxectos e eventos tanto a nivel nacional como internacional (Milan, Seoul, Paris, Bangkok..). Combinan isto co seu papel pedagóxico onde levan a cabo numerosas formacións tanto presenciais dentro da comunidade, como en liña onde participan bailaríns de diferentes países.
Gena Baamonde é creadora, directora, investigadora e intérprete cunha ampla traxectoria artística no campo da práctica escénica e a creación contemporánea. É doutora en Belas Artes e titulada en Arte Dramática na especialidade Dramaturxia e Dirección, con formación en artes do movemento, igualdade, xénero e diversidade sexual. O seu traballo cuestiona os estereotipos de sexo, xénero e sexualidade que atravesan os corpos tratando de reverter os valores hexemónicos para construír novas formas de pensamento desde o respecto e a diversidade. Dirixe Neorretranca e Posmorriña no CDG e realiza a dramaturxia e dirección en diversas compañías como A Artística, Xarope Tulú, Matrioshka, Elahood ou A Panadaría, coa que recibe o Premio María Casares á Mellor Dirección e Mellor Texto Orixinal coa peza Elisa e Marcela (2018). Xunto a Andrea Quintana crea o colectivo VACAburra, centrado na creación escénica e coreográfica en clave contemporánea cunha mirada transfeminista e o humor como ferramenta.