CLARA FERRAO DIZ
Galicia
Vicisitudes
A artista Clara Ferrao entra en residencia na Casa Vella con motivo da finalización do seu proceso de creación da peza Vicisitudes, a estrearse no marco do programa Violencia Zero da Deputación de Pontevedra. Clara explora nesta peza ao redor da violencia machista a través do corpo en movemento e o texto metafórico. No decorrer da residencia conta coa ollada externa da coreógrafa Nuria Sotelo que a acompaña nos últimos pasos de definición da estructura dramatúrxica e limpeza do material coreográfico.
CLARA FERRAO DIZ
Clara Ferrao é unha intérprete, docente e creadora de danza contemporánea galega.
Formada en danza clásica na Escola Hannelore e Deborah, Vigo. Titulada en danza contemporánea polo Real Conservatorio Profesional de Danza Mariemma, Madrid. Master en «Danza e Artes do Movemento» na UCAMurcia. Asiste como docente, bailarina e continuando a súa formación a festivais en España, Portugal, Inglaterra, Francia, Alemaña, Canadá, Polonia e México. Como bailarina, cabe destacar a súa participación na peza “Garage” da compañía de teatro Voadora; e no musical “Galicia Canibal” coreografiado por Mónica García e Janet Novás. Tamén traballa de forma colectiva como coreógrafa e bailarina colaborando con distintas compañías, como Maximiliano Sanford, Nuria Sotelo, Can Cun Quinqué e máis.
Foi premiada polas pezas “Pies de plomo”, “Ensaio amor”, “Miñaxoia” e “Lara Hierro”. Actualmente traballa coa compañía Ao-badulaque de Cáceres, na súa produción “Serrana”; co Colectivo Vacaburra de Santiago de Compostela, na súa nova peza “Festina Lente”; e co Colectivo Glovo de Lugo, na súa última peza “Tabú”.