ARDA
Malta, Italia, Bélgica, Austria, Serbia & España






Todo lo que nos rodea está aún vivo
A Casa Vella abriu o ciclo 2025 co colectivo de artes escénicas conformado por nove artistas interdisciplinares, entre elas o colectivo BILOURA de Italia e Dance Beyond Borders de Malta, ademais doutras artistas provenientes de Bélxica, Serbia, Austria e España. Despois doutras tres residencias en Italia e en Malta entre 2023 e 2024, e grazas ao programa Culture Moves Europe, compartiron máis de tres semanas de convivencia, creación colectiva e investigación para desenvolver o proxecto “Todo lo que nos rodea está aún vivo” onde abordaron desde o corpo e a práctica ecofeminista maneiras alternativas de relacionarse coa natureza e a nosa contorna que vaian máis aló do extractivismo imperante.
Durante estas semanas traballaron no desenvolvemento dunha metodoloxía propia entrelazando a práctica somática e vocal, e a apertura e conexión co espazo rural e as comunidades dos arredores. A xenerosidade coa que foron acollidas polos grupos de mulleres como As Pegureiras permitiu que “Todo o que nos rodea está aún vivo” fose tamén unha forma de revisitar os saberes locais preservados por estes grupos e transformalos en motor creativo, aprendendo pandereita e cestería e ata penetrándose no corazón dos entroidos. Crearon bosque e invocaron o lado salvaxe e juguetón dos corpos, replicaron sonoridades e crearon ambientes musicais, mentres ideaban estruturas de convivencia, interacción e participación. Ao longo da súa residencia, realizaron prácticas colectivas e finalizaron cunha serie de mostras abertas na Casa Vella, A Fenda en Maceda, e no colexio de Allariz.
ARDA
O colectivo ARDA está conformado por 9 artistas interdisciplinarias: Silvia Ribero, Angie Rottensteiner, Chiara Bosco, Julienne Schembri, Deborah Falzon, Elena Brea, Claudia Sanchez, Kjersti Nilsen, Bojan Milosavljevic, e á súa vez comprende dous colectivos e unha plataforma cultural.
Dance Beyond Borders é un colectivo feminino interdisciplinar con sede en Malta que reúne ás bailarinas e educadoras Julienne Schembri e Deborah Falzon, con décadas de experiencia no sector da danza e as artes escénicas. DBB integra a danza contemporánea, o flamenco e o Tanztheatre para liberar o potencial do corpo como poderoso medio para abordar cuestións sociais e políticas e presentar espectáculos corporais que son unha chamada á acción para o cambio social. Os seus eclécticos antecedentes persoais poñen de relevo que a danza é un vehículo de celebración para activar ás persoas cara á empatía, a unión e a conexión, fomentando habilidades brandas esenciais para navegar as emocións e as relacións. No seu traballo abordan temas como a experiencia das mulleres inmigrantes, as historias de vida dos inmigrantes e a descolonización europea. DBB busca promover a integración traballando con diversas comunidades: mulleres migrantes, solicitantes de asilo, persoas que viven na pobreza e adultos con demencia. Desde 2022 organizan o festival Refugee Week Malta, no que comparten as contribucións, a creatividade e a resiliencia dos refuxiados a través de eventos artísticos e comunitarios co obxectivo de achegar actitudes máis informadas e acolledoras cara aos refuxiados e os solicitantes de asilo.
BILOURA é un colectivo feminino intercultural e transdisciplinar de artes escénicas, liderado pola bailarina Silvia Ribero, a creadora teatral Chiara Bosco e a música e directora Angie Rottensteiner, que traballa desde 2013 na zona rural de Valchiusella, unha localidade descentralizada dos Alpes italianos. Cunha estratexia g-local, vén traballando para promover o desenvolvemento cultural desta zona rural, á vez que participa activamente no circuíto internacional das artes escénicas. Leva unha traxectoria artística de innovación, investigando e experimentando constantemente con metodoloxías interdisciplinares nas súas actuacións, talleres e proxectos. BILOURA desenvolve proxectos artísticos e performances interculturais, inclusivas e participativas a través de procesos colectivos, facendo fincapé na riqueza da diversidade cultural para ir máis aló das fronteiras físicas e culturais. Nas súas investigacións artísticas e actuacións interdisciplinares traballan co patrimonio cultural e artístico de todo o mundo, como cancións populares, danzas tradicionais e diversidade de linguas. Abordan temas de relevancia política, social e ambiental que recoñecen como urxentes, como as historias de marxinación, a explotación sexual das mulleres, a reconexión coa natureza, o colapso ecolóxico, as historias de migración ou o ecofeminismo. Tamén dirixen o Festival de Artes Escénicas Polimorfa, que conseguiu implicar a un gran número de habitantes de Valchiusella a través dunha actuación participativa anual baseada na inclusión, a interculturalidad, o artivismo, o feminismo e a ecoloxía.
BajoTeja é unha plataforma de mediación cultural que pretende fortalecer as relacións democráticas entre administracións, institucións e sociedade civil e fomentar a participación cidadá. BajoTeja traballa para diluír o binomio entre a cidade e o rural a través de propostas que combinan as artes escénicas coa mediación cultural convidando a unha reflexión conxunta sobre como podemos xerar comunidades máis sostibles.