ELENA BREA SANDÍN & CLAUDIA SÁNCHEZ
Madrid



Todo lo que nos rodea está aún vivo
Durante esta residencia artística Elena e Claudia fixeron un traballo de campo preparatorio para a segunda fase da residencia en 2025 para desenvolver o proxecto “Todo lo que nos rodea está aún vivo” onde abordarán desde o corpo e a práctica ecofeminista maneiras alternativas de relacionarse coa natureza e a nosa contorna que vaian máis aló do extractivismo imperante.
Nesta primeira fase fixeron unha primeira toma de contacto e planificación cos colectivos cos que traballaran en febreiro do 25 cando se atopen tódalas integrantes do colectivo ARDA que proveñen de diferentes lugares da xeografía europea. Dialogaron e realizaron actividades previas coa Asociación de Mulleres Rurais Pegureiras, co CEIP Padre Feijoó de Allariz, a Asoc. Alvariça, o grupo de Cantos de Taberna de Coirás e A Fenda en Maceda.
ELENA BREA SANDÍN & CLAUDIA SÁNCHEZ
Elena Brea Sandín é unha artista multidisciplinar e mediadora cultural de Madrid. Estudou Teatro Gestual na RESAD (Madrid) e Estudos Europeos, con especialización en Filosofía, na University College London. Ten unha ampla formación en movemento, incluíndo un ano na Formación de Danza Contemporánea en Danscentrumjette (Bruxelas). Desenvolveu gran parte do seu traballo artístico en residencias internacionais. É membro fundador do Instituto de Estudios Postnaturales e de Polimorfa, festival de artes escénicas que se realiza anualmente nun pequeno pobo dos Alpes italianos. Actualmente reside en Madrid onde desenvolve proxectos artísticos e continúa a súa formación en danza da man de Lucas Condró.
Claudia Sánchez, orixinaria de Madrid, é Licenciada en teatro físico pola RESAD (Madrid), en creación colectiva pola Rose Bruford College (Londres) e formada tamén na Escola de Música Creativa. A súa experiencia profesional oscila entre as artes escénicas, a música e a mediación cultural, traballando como performer en diferentes proxectos escénicos e como cantante e guitarrista. Participou en festivais como Tabakalera (Donosti), Observatorio, 150gr, Escenario Patrimonio; en encontros como In Between: mediación cultural en Europa; e nas residencias artísticas do Institute for Postnatural Studies (Madrid) e de Biloura Collective (Italia). É fundadora de BajoTeja (2020), unha plataforma artística e de mediación cultural e cofundadora do grupo de folclore-fusión Gata de Plata (2020) e do grupo de art pop Gente que miente (2022), seleccionado na Residencia para artistas emerxentes de Matadero Madrid 2025.