AINHOA VIÑUELA

Galicia

Tódalas miñas amigas son nais e eu quero ser bailarina

Proxecto en fase cero, de carácter aberto, experimental e multidisciplinar no que a artista plantexase existencias, camiños, desexos e posibilidades. O querer e o poder. O que espero e o que se espera. Busca abrir liñas de investigación relacionadas co corporal, o visual, o sonoro e o social que posibiliten o cuestionamento e a ruptura do binomio muller=nai sobre o seu corpo. A maternidade é un tema complexo, que non pode ser reducido soamente ao cultural ou, na súa falta, ao biolóxico, senón que se entretece co nivel do inconsciente e polo tanto do desexo. Hai moitos imaxinarios e experiencias ao redor da maternidade.  
A investigación transitará entre tres liñas que se irán atopando continuamente no camiño. Por unha parte a intención de profundizar na desestigmatización da muller non nai e na realización das mulleres máis alá do que se pretende de elas, que é coidar a outras e outros e descoidarse. Por outra banda, a experimentación co seu corpo-instrumento para, a través da danza, expresarse. E para a última liña, a audiovisual, o punto de partida será un vídeo caseiro no que improvisa bailes aos 8 anos.

AINHOA VIÑUELA

Ainhoa Viñuela, nacida en Ribadavia, Galicia, vincúlase ás artes en primeiro medida desde o mundo audiovisual. Hai 9 anos crea, xunto con Blanca Selas, un estudio de deseño e comunicación no que desenvolven traballos de deseño gráfico, creación audiovisual e fotografía. No 2020 co-dirixe xunto a Blanca sua primeira película: “Non vale parar. Unha MIT nos tempos da covid”, unha peza documental enfiada pola coreógrafa Laila Tafur, que é unha ollada ampla ás emocións, imaxes, retos e compromisos colectivos que se deron cita nos espazos a ceo aberto dun dos escasos eventos culturais que deu paso á apertura e protocolos COVID nos lugares da cultura. No 2021 dirixe a curta documental para Accem “putadaguapa” unha peza na que dialóganse con mozas e mozos sobre o que sabemos ou ignoramos da trata de persoas con fins de explotación sexual. Tamén forma parte do equipo da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) como deseñadora e creadora da imaxe dende hai 5 anos e como voluntaria en diferentes tarefas dende hai máis de 20.
Como fotógrafa participou no Outono Fotográfico cunha exposición individual titulada “Auschwitz-Birkenau” e, no 2020, cunha peza audiovisual titulada “fráxil. unha vila en corentena” na exposición colectiva “Antropoloxía visual dunha sociedade confinada” no Museo Etnolóxico, en Ribadavia. 
Dende hai 4 anos dá aulas de canto e pandeireta a mulleres en Ribadavia, actividade que “rematou por convertirse nun espazo de encontro único para nós e case unha terapia na que aprendemos cada día unhas das outras”. No relacionado coa danza é alumna da Aula de Danza D-Ou-Tras na que a bailarina e directora artística Nuria Sotelo facilita un achegamento á danza contemporánea desde un lugar de investigación do propio movemento.

Ir o contido