ALEJANDRA BALBOA
Galicia
Vertebrata
Vertebrata nace no estudo belga StairCase de Luis Marafa no verán de 2020. Despois desas sesións de investigación baixo a mirada de Luis, Alejandra volve a Galicia e comeza o proceso de creación. En agosto de 2020 estrea a primeira versión da peza na décima edición do Festival Corpo (a) Terra en Ourense. Posteriormente, na Casa Vella, leva a cabo unha residencia que lle permitirá profundar e identificar as cuestións, ferramentas e particularidades da obra, así como explorar camiños e metodoloxías para compartir eses lugares e vivencias físicas con outros corpos. Nesta residencia levouse a cabo a primeira sesión intensiva de Mover(se) Habitar(se), nome que lle deu posteriormente ás sesións nas que comparte as pautas deste traballo.
En Vertebrata o corpo é movido polo ruído que o habita. Este atópase coa dificultade de controlar os seus impulsos internos, tentando descifralos e mesmo dominalos. Un vaivén entre a leve asfixia do intento e a pesada carga da debilidade.
“Non deixo que nada entre en min sen retumbar, sen controlar a intensidade coa que habitan, chocan e mesmo explotan. Ás veces parece que descansan, pero enseguida percorren todo o espazo que poden para facerse notar.
Limítome a tentar apagalas. Penso, ilusa, que cando me volvan a pellizcar, entendereinas con claridade.
Pero non. Non consigo que se durman.
Témome que a miña paz quedará reducida aos pequenos momentos nos que o aire consiga entrar e saír do meu corpo sen dificultade”
ALEJANDRA BALBOA
Alejandra Balboa, creadora e intérprete de danza contemporánea, graduada pola “Escola Superior de Dança” de Lisboa. En 2016 comeza a transitar o mundo da exploración e creación en solitario. A súa filosofía de traballo vira ao redor da concepción do movemento como canle de escoita individual e colectiva, como ferramenta comunicativa e expresiva do ser humano.
Dun proceso de investigación no estudo belga de #Luis Marrafa nace “Vertebrata”, o seu último traballo co que segue en movemento. Estreouse na décima edición do Festival Corpo (A) Terra, foi finalista no Certame SóLODOS en Danza e na IV Plataforma Diálogos Contemporáneos do Festival DZM, onde foi premiada como mellor interpretación.
En 2021 colabora con Pavel Amilcar na creación e interpretación da ópera “Alcina”, coa plataforma “Cara unha escena plural” escribindo o artigo “Coidar ou proceso”, e con Nuria Sotelo como asistente de creación de “Mortais e Vulnerables”.
En 2022 colabora con Rodrigo García no laboratorio de creación “A importancia do inútil” dentro do Festival Unscene en Rumania, e como asistente do proceso de adaptación e creación da obra “La paz perpetua” de Juan Mayorga dirixida por Alejandro Durán, obra seleccionada como repertorio do Teatro Nacional de Bucarest.