DANIEL RODRÍGUEZ

Galicia

Galiza Mainstream

Para este proxecto, Daniel Rodríguez únese a Aida Tarrío, cantareira e pandeireteira de Tanxugueiras, e Berto, como produtor musical, para expoñer unha investigación na procura da comuñón entre a Danza Tradicional e a Danza Contemporánea. Como principais obxectivos destaca: achegar a danza tradicional galega á escena contemporánea e o seu público, fomentar o contacto da danza tradicional galega coas correntes artísticas actuais achegando unha visión contemporánea das posibilidades que ofrece a danza tradicional galega, e favorecer a práctica e a conservación destas danzas de raíz.
Para levar a cabo todo isto, expón unha análise de movemento para ir en busca das calidades que se desenvolven nas danzas seleccionadas, as características sobre as que se constrúen estas linguaxes, a súa forma e as súas diversas estruturas. Por isto mesmo é que a súa atención vira en torno ao canto e instrumentos da música tradicional, xa que a Danza Tradicional non se entende sen a compañía da música e do canto. Danza, música e canto formarán o triángulo encargado de construír os cimentos desta investigación. Marcarán e delimitarán cal será o laboratorio sobre o que, xunto coa Danza Contemporánea, poder experimentar. A este triángulo sumaráselle o poñer en coñecemento os dous contextos que interactuarán ao longo deste proxecto. Un primeiro contexto seranos dado desde o pasado onde se teceu e construído a que nos chega a día de hoxe como tradición en todas as súas vertentes, e outro contexto que virá do corpo, referido a un corpo actual, un corpo do presente.

DANIEL RODRÍGUEZ

Daniel Rodriguez é bailarín e creador galego graduado polo Conservatorio Superior de Danza María de Ávila de Madrid. A súa filosofía de traballo destaca por apostar pola Danza Tradicional como punto de inspiración para a creación de obras contemporáneas. Ademais de facer perdurar dalgunha maneira a Danza Tradicional coas súas obras Daniel busca mostrar e facer gozar á sociedade actual das súas propias raíces.
Como creador participou en festivais como Herdanza (Santiago), Abril en Danza (Valencia) e SólODOS en Danza (Ourense), sendo deste último o gañador na súa edición 2022 coa súa obra “A raíz de” unha peza inspirada na tradición galega que levará de xira por Costa Rica en 2023.

Ir o contido