FÉLIX FERNÁNDEZ

Galicia

Xavier a través de min

“Este é un proxecto de artes vivas de corte autobiográfico co que quero traer ao presente o legado inmaterial que o meu irmán Xavier Fernández deixoume en vida, e deixar ao descuberto todo o sedimento da vida do meu irmán en min. As principais ferramentas para vehicular este contido tan emocional son a danza, o espazo sonoro-musical, a voz, o texto e a instalación, que mesturadas proporciónannos unha experiencia vivencial moi próxima a un lugar de intimidade case confesional, onde atoparemos un espazo de liberación enerxético pouco habitual o que poderemos ver o reflexo das nosas vidas. Xavier Fernández traballou ata a morte en relación á Consciencia, era psicólogo, criminólogo, investigador e psiconauta, profesor de ioga, de meditación, e tamén guía en procesos de procura interior.”

FÉLIX FERNÁNDEZ

Nace en 1977, en Celeiro, Lugo. Licénciase en Belas Artes na facultade de Pontevedra e fórmase paralelamente en danza contemporánea e teatro-performance con Mariña Abramóvic, Johannes Deimling, Elena Córdoba e Esther Ferrer entre outros. No 2008 obtivo unha bolsa de residencia no Centro Coreográfico Galego e foi premiado pola Comunidad de Madrid; no 2005 pola Casa Acesa e no 2004 polo INJUVE. No 2010 foi bolseiro por Gas Natural – Fenosa para residir en Berlín e Nova York e no 2012 para ser artista residente durante 6 meses no Museo desta institución. Os seus traballos foron premiados no 2010 polo Canariasmediafest e a Casa de Velásquez, no 2011 polo Festival Internacional de Cinema de Ourense e no 2014 polo Encontro de Artistas Novos da Cidade da Cultura, entre outros. O seu traballo mostrouse internacionalmente en cidades como Berlin, Nova York, Washinton DC, Tunes, París, Bucarest, Texas, Roma, Seattle, Bogotá, Caracas, Hannover, Helsinqui, Tokio, Pequín…

O traballo de Félix Fernández céntrase na relación do individuo contemporáneo coa contorna que lle tocou vivir (tempo, espazo, corpo, identidade, realidade socioeconómica, paisaxe, medios de comunicación,…). A súa mirada sempre subxectiva busca a complicidade e empatía do espectador, xa que en caso contrario o seu traballo non poderá ser entendido. Formalmente inscribe os seus traballos nunha multiplicidade de formatos dando lugar a híbridos entre foto e performance, espectáculos audiovisuais, instalacións, vídeos… O corpo é un elemento fundamental na súa obra, na que el aparece, dotando a esta dun compoñente autobiográfico, que combinado co poder simbólico de obxectos e situacións dan como resultado unha linguaxe que mestura realidade e ficción en partes iguais.

Ir o contido