LICENCIADA SOTELO

Galicia

Ensaio amor

Ensaio amor é unha peza que comeza a xestarse no 2015 froito de dúas necesidades vitais dunha muller; a continuidade do seu traballo artístico e a conciliación coa chegada do seu bebé. Así xurdiu e así a concebimos:
Ensaio amor é unha peza que a través da música, a danza e o texto aborda o universo feminino das súas creadoras. Unha violoncellista, dúas bailarinas e unha bebé en escea, reflexionan cos seus corpos, coa súa música e verbas sobre sí mesmas como mulleres, artistas, nais e amantes.
Ensaio amor non fala sobre o amor, é un acto de amor. Non fala sobre a resistencia, é un acto de resistencia. Non fala sobre a maternidade, leva implícita unha realidade.
Estrease no 2016 coa pequena Lena con 11 meses; as representacións medran coa pequena, cos seus primeiros pasos e as súas primeiras palabras. No 2017 párase a distribución debido a que perde o seu sentido inicial, polo desenvolvemento natural da pequena e da relación nai-filla. No 2021, na residencia artística en A Casa Vella, revisítase a peza, con Lena xa con 6 anos, para recuperar os materiais coreográficos e revisalos coa ollada externa da bailarina, actriz, coreógrafa e directora Rebeca Carrera. De novo o imperativo da vida e os desexos das integrantes lévanos a facer unha revisión deste espazo artístico de crecemento compartido.
Ensaio amor evoluciona a un espectáculo infantil onde a música, a danza e a lingua convidan a habitar espazos compartidos non xerárquicos de creación e xogo.

NURIA SOTELO, CLARA FERRAO, MACARENA MONTESINOS & LENA VILANOVA

Neste proxecto que Nuria Sotelo encara como directora acompáñase das intérpretes Clara Ferrao, Macarena Montesinos, e a súa propia filla Lena Vilanova

Nuria Sotelo, nacida en Galicia, é bailarina, coreógrafa, docente no campo do movemento, traballadora no campo social das artes, e promotora e coordinadora do espazo de creación artística e acción social no medio rural A Casa Vella.
Como intérprete traballou en compañías de danza e teatro como o Centro Coreográfico Galego, Femme Fatale, Experimentadanza, Teatro Resoante, Elefante Elegante, Aporía Teatro, Cía.Mikel Arístegui e é habitural nos equipos de Matarile Teatro.
Os espectáculos da Licenciada Sotelo (Métanse nos seus asuntos, Vostede está aquí, Estado de graza, Ensaio amor, Incerteza, A Gala, Rosa, Entre) foron apoiados por AGADIC, o Festival ALT de Vigo, o Festival Escenas do Cambio, Corpo (a) Terra entre outros, e participaron en programación e festivais nacionais e internacionais. Á súa vez, a artista realiza encargos e colaboracións puntuais como coreógrafa para diferentes artistas, compañías e eventos. En 2017 foi premiada como coreógrafa pola obra Ensaio amor no Certame Coreográfico de Madrid e recibiu o Premio de Interpretación Maruxa Villanueva do Concello de Padrón.
No ámbito social das artes, traballou en proxectos para a compañía 5S ou o Festival Internacional de Danza Deltebre Dança. En 2019, o seu proxecto escénico comunitario e inclusivo «Ser con» foi un dos beneficiarios do programa Arte para o Cambio da Fundación A Caixa. Desde 2016 é colaboradora habitual dos programas de igualdade do Concello de Allariz.

Clara Ferrao é unha intérprete, docente e creadora de danza contemporánea galega. Formada en danza clásica na Escola Hannelore e Deborah, Vigo. Titulada en danza contemporánea polo Real Conservatorio Profesional de Danza Mariemma, Madrid. Master en «Danza e Artes do Movemento» na UCAMurcia. Asiste como docente, bailarina e continuando a súa formación a festivais en España, Portugal, Inglaterra, Francia, Alemaña, Canadá, Polonia e México.
Como bailarina, cabe destacar a súa participación na peza “Garage” da compañía de teatro Voadora; e no musical “Galicia Canibal” coreografiado por Mónica García e Janet Novás. Tamén traballa de forma colectiva como coreógrafa e bailarina colaborando con distintas compañías, como Maximiliano Sanford, Nuria Sotelo, Can Cun Quinqué e máis. Foi premiada polas pezas “Pies de plomo”, “Ensaio amor”, “Miñaxoia” e “Lara Hierro”.
Actualmente traballa coa compañía Ao-badulaque de Cáceres, na súa produción “Serrana”; co Colectivo Vacaburra de Santiago de Compostela, na súa nova peza “Festina Lente”; e co Colectivo Glovo de Lugo, na súa última peza “Tabú”.

Macarena Montesinos, é violoncelista de formación clásica posteriormente especializada en jazz e improvisación libre, recibiu clases de mestres como Asier Polo, Vincent Curtois, Fred Frith… Amplía os seus estudos no mundo da arte graduándose na Facultade de Belas Artes de Pontevedra onde destaca en disciplinas como a escultura, o espazo sonoro e a performance. 
A súa polifacética traxectoria levouna por diferentes camiños, pertenceu e colaborou con orquestras clásicas, grupos de jazz, folk, a Omega (Orquestra de Múscica Espontánea de Galicia), cuartetos… Compuxo o espazo sonoro para varios espectáculos de danza como Regando as raíces e LP4am, ambos os dirixidos por Mercé de Rande e o último en colaboración co centro coreográfico Tanzhaus en Zúric. Como música, intérprete e creadora traballou coas  coreógrafas e bailarinas Mónica García en Nielheim, e con Nuria Sotelo en Silencio por favor e en Ensaio Amor, en colaboración co festival Escenas do Cambio e Alt. 
Toda a súa actividade creadora compaxínaa co labor de docente en diferentes centros de Galicia.

Ir o contido