NURIA SOTELO & MILLÁN ABELEDO

Galicia

Suit(e)

Suit(e) articúlase como unha creación de danza contemporánea e música, coreografiada e interpretada por Nuria Sotelo, Alejandra Balboa na asistencia de coreografía, co cellista Millán Abeledo en escena e o compositor Manuel López traballando nunha composición específica para a obra.
A peza propón unha relación profunda entre o movemento do corpo e a vibración da música, fusionando o legado de compositores como Johann Sebastian Bach con obras de gran peso na música contemporánea para cello, tales como Gaspar Cassadó, György Ligeti, Henri Dutilleux, Benjamin Britten así como o propio Manuel López. O proxecto exponse como unha celebración da diversidade sonora e a creación musical en todos os seus tempos e formas.

Esta residencia, consistente en varios encontros ao longo de catro meses, culminou coa estrea de Suit(e) dentro de Ciclo de Música Contemporáneas o 29 de abril no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela.

NURIA SOTELO & MILLÁN ABELEDO

Nuria Sotelo é veterinaria conversa, bailarina, coreógrafa, fundadora e directora artística da compañía de danza-teatro Furia Sotelo, directora do Espazo de danza do Campus de Ourense UV, docente no eido do movemento, traballadora no ámbito social das artes, impulsora e coordinadora do espazo de creación artística e acción social no rural A Casa Vella. No seu afán por colaborar co desenvolvemento artístico do territorio, centrou o seu traballo en Galicia, traballando como intérprete en diferentes compañías de danza e de teatro. Os espectáculos de Licenciada Sotelo, reconvertida a Furia Sotelo teñen sido apoiados pola AGADIC, O Festival ALT de Vigo, O Festival Escenas do Cambio, Corpo(a)Terra entre outros. E teñen participado en programacións e Festivais nacionais e internacionais. Ademais de dirixir os espectáculos de Licenciada Sotelo, realiza encargos e colaboracións puntuais como coreógrafa para diferentes artistas, compañías e eventos. En 2017 é premiada como coreógrafa pola obra Ensaio amor no Certame Coreográfico de Madrid e recibe o Premio de Interpretación Maruja Villanueva do Concello de Padrón. No eido social das artes, ten traballado en proxectos para a compañía5S ou o Festival Internacional de danza Deltebre Dança. No 2019 o seu proxecto escénico comunitario e inclusivo “Ser con” foi un dos beneficiarios do programa Art For Change da Fundación La Caixa. Dende o 2016 ten colaborado nos programas de igualdade do Concello de Allariz.

Millán Abeledo, nacido en Pontevedra, comeza a súa traxectoria musical con Tatiana Cucerenco e Beira Kolar. Termina os seus estudos superiores no CSMA de Zaragoza. Recibiu diferentes premios, formou parte de diferentes orquestras sinfónicas. Na actualidade, desenvolve a súa actividade profesional en diferentes vertentes: a orquestral, formando parte do persoal da Real Filharmonía de Galicia desde 2014 como violoncelo tutti; como profesor de violoncelo na Escola de Música Berenguela; como músico de cámara con diferentes formacións estables como Bambú Ensemble, Trío Mosaicos, Cuarteto Novecento, Soncello Ensemble ou Dúo Gamma e traballando tamén na divulgación da música formando parte do equipo directivo da aula de Cámara Airas Nunes e a Asociación de Violoncellistas de Galicia Soncello.

Á súa vez, contouse coa guía próxima do compositor Manuel Lopez Jorge e a asistencia coreográfica da bailarina Alejandra Balboa.

Manuel Lopez Jorgenacido en Santiago de Compostela é un músico versátil, moi activo como compositor, pianista solista e colaborador de diferentes conxuntos. Formado como pianista na súa mocidade coa pianista armenia Mariña Shamagian (alumna de Viktor Merzhanov) e na súa madurez co pianista e músico de cámara Deniz Arman Gelenbe (alumno de György Sándor), foi premiado en diversos concursos internacionais. Deu recitais en importantes salas como St. Martin-in-the-Fields, Steinway Hall (Londres) ou Royal Albert Hall – Elgar Room. Disciplinas como a literatura, a física ou a astronomía, polas que Manuel sente un profundo interese, inspiraron moitas das súas composicións. Estas inquietudes leváronlle a embarcarse na licenciatura de Física, que cursa na UNED en paralelo á súa actividade musical. Manuel é Doutor en Composición pola City University de Londres, Máster polo Trinity Laban Conservatoire of Music and Dance (Londres) e Licenciado con Matrícula de Honra polo Conservatorio Superior da Coruña. Desde 2019 é profesor de piano por oposición no Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela.

Alejandra Balboa, nacida en Pontevedra, é bailarina, graduada en 2015 pola Escola Superior de Danza de Lisboa na especialidade de creación e interpretación. A súa práctica artística está vinculada aos procesos de creación e interpretación, colaboración artística, acompañamento de procesos creativos e transmisión pedagóxica no marco das artes vivas. Actualmente está a desenvolver unha nova liña artística co violinista Pavel Amilcar e traballa como intérprete para as compañías Furia Sotelo, Babirusa Danza e Mariantònia Oliver.