PAULA QUINTAS
Galicia
Multiperspectivas
‘Multiperspectivas’ é un traballo que a artista Paula Quintas (coreógrafa, bailarina, alambrista circense) leva desenvolvendo nos últimos tempos xunto co seu equipo Stephanie Bouchard, Rut Balbís, Antón Coucheiro, Manu Lago, Arturo Cobas e Margherita Morello.
Multiperspectivas é unha investigación desde un traballo académico e performativo titulado “Filosofía y estética del cuerpo en el circo coreografiado: perspectivas multidisciplinares y transversales, entre los diálogos entre la danza y el circo y las nuevas complejidades escénicas”, presentada a modo de tesina na Universidade Rey Juan Carlos, no 2020. A instalación xorde desde a necesidade práctica da acción e a perspectiva do espectador como reflexión contemporánea. Combina improvisación teatral, danza e circo, deixando espazo para a interacción co público. Unha proposta que experimenta cos límites das artes escénicas para enfrontarse coa realidade do espazo que nos rodea.
A partir da primeira cápsula presentada no Festival Escenas do Cambio 2021, onde se expón un dispositivo sonoro de contacto ao redor dunha instalación de arames tensos, coa non participación de público pola problemática do momento das distancias de seguridade sanitaria. Multiperspectivas camiña na investigación cara unha Cápsula #2, co marco teórico dunha tese doutoral que entrelaza o seu pasado-presente e futuro, comezada en outubro de 2021, co título “Cuerpo, objeto, tiempo y espacio, como soportes de las artes performativas: límites y confluencias entre la danza y el circo contemporáneo en la danza española del S.XXI”, dirixida polo doutor Carlos Tezo na Universidade de Vigo.
PAULA QUINTAS
“Desde nena descubrín o movemento e, con el, sentín que podía expresar aspectos inmateriais de observación.”
Paula Quintas licenciouse en Historia da arte, na Universidade de Santiago de Compostela, con especialidade en arte contemporánea, comezando a experimentar o corpo como soporte artístico. Viaxou a Londres a estudar no Conservatoire Trinity Laban, onde se dedicou a ordenar esas experimentacións a través dos estudos coreológicos e a Labanotation. Traballou en instalacións artísticas con grupos independentes sumando ramas como a experimentación sonora, o vídeo, a fotografía ou o vestiario: a vídeo-danza. Fundou Projecto C-F Dance, a súa primeira compañía. A través de atoparse coa técnica Laban comezou unha nova etapa na súa investigación coa cal expandía o corpo máis aló do chan e en xogo con planos, dimensións e outro tipo de espazos, o espazo aéreo e as artes circenses.Logo, diplomada pola National Centre of Circus Arts en Londres en especialidade de arame tenso, dedicouse a explorar os límites e confluencias entre as disciplinas que a conforman, danza-circo, e a traballar con compañías inglesas, asiáticas e polacas.
Desde 2012, de volta en España, forma parte de diversas compañias de danza, destancando trasPediante, Pistacatro, festival Corpo(a)Terra, a rede de festivais rede Acieloabierto, e a escola Danza Alfaia. En 2017, funda Paula Quintas Cia. xunto coa asesoría artística de Galicia Danza Contemporánea, e empeza a desenvolver proxectos de xestión cultural como o Festival 6 Coreógrafas.