VACABURRA

Galicia

Don't kiss me I'm in training

As artistas comparten: “esta residencia supón o punto de partida deste novo proxecto que imaxinamos como unha peza en diálogo directo coa identidade, na busca de construir un lapso de tempo suspendido onde o identitario non ten a obriga de acabar, de definirse e os movementos que o acompañan non deixan de fluir nese saberse efémeros, fuxidíos, pasaxeiros. Reiterar ese aquí e agora como taboleiro de xogo que fuxe da permanencia e xoga nos traxectos sen chegar a ser. As primeiras ideas lévannos a continuar indagando nese xogo entre identidade, público, corpo e espazo na representación escénica, interese que nos acompañan ao longo do noso traballo e para o que nesta ocasión recollemos como referente inicial, a creación fotográfica e a poética inxerida na obra de Claude Cahun. 
Na súa obra o corpo e a súa autorrepresentación ten un lugar central, converténdose en instrumento de loita, crítica social e política que ataca de xeito directo a polarización da diferencia sexual. A súa particular ollada fai do seu proxecto artístico que abrangue moi diversos formatos, un desafío cara o sistema heterosexual na busca de dinamitar un concepto unitario de identidade e investigando unha expresión individual máis alá da coherencia e a posible lexibilidade das estruturas establecidas”.

VACAburra

VACAburra é o resultado da colisión de dous artistas, unha vaca e unha burra, Andrea Quintana -a variopinta- e Gena Baamonde -mullerona- que unen as súas inquietudes e traxectorias nun proxecto común que vira ao redor da creación escénica e coreográfica en clave contemporánea. 

“VACAburra é un intentar intentando, un baile continuo, un camiño de tenacidade en avance imparable. Saltar o valado do prado, abrir fendas nos muros, forza bruta en estado salvaxe. Un proxecto común que xira en torno a creación escénica e coreográfica en clave contemporánea con pezas atravesadas por unha mirada transfeminista do mundo tendo como eixo das súas creacións o corpo, unha danza política co humor como ferramenta necesaria.”

Andrea Quintana, é unha artista variopinta de orixe galaico-salvaxe, bailarina bollera, coreógrafa en resiliencia, poliamorosa das artes vivas con perfil expandido. Impura, periférica, nómada. Interesada nas brechas, no imprevisible, na rebelión dos corpos escénicos e na danza como detonante de imaxinarios posibles. Mediadora cultural en proxectos como La Buena Aventura, Colectivo RPM ou TRCDanza. Formada en danza clásica e contemporánea en Madrid, Barcelona y Bruselas cunha longa traxectoria como intérprete en compañías como Daniel Abreu, Voadora, Lipi Hernandez o Rut Balvís. Desenvolve as súas propias creacións escénicas dende o ano 2005, cun especial interese nos espazos de intersección entre disciplinas artísticas. Premio INJUVE á creación 2012.

Gena Baamonde, é creadora, directora, investigadora e intérprete cunha ampla traxectoria artística no eido da práctica escénica e a creación contemporánea. Interesada nas prácticas artísticas bastardas e nos cuestionamentos da tríada sexo-xénero-sexualidade que atravesan os corpos. Doutora en Belas Artes, titulada en Arte Dramática, especialidade Dramaturxia e Dirección, así mesmo ten formación en artes do movemento, igualdade, xénero e diversidade sexual. Dirixe Neorretranca e Posmorriña no CDG e realiza a dramaturxia e dirección en diversas compañías como A Artística, Xarope Tulú, Matrioshka, Elahood ou A Panadaría, coa que recibe o Premio María Casares á Mellor Dirección e Mellor Texto Orixinal coa peza Elisa e Marcela.

Ir o contido