ALEJANDRA BALBOA & TAMARA BRITO DE HEER
Galicia & Tenerife
Ciclo de Encontros Improvables - "Te invento como eres"
En 2024 iniciamos o Ciclo Conexións A Casa Vella, no que queremos abrir espazo a invitacións especiais, realizadas a artistas e pensadores/as de distintas disciplinas, profesionais que nos interesan pola súa sensibilidade e polo seu traballo ao redor de temas e retos compartidos. Buscamos conectar perfís da danza e o movemento coa música, o audiovisual, o pensamento ou a literatura. Trátase de invitacións a compartir un tempo de calidade en ACV para pensar e vivenciar xuntos/as a súa contorna, entendido este como un campo de probas e experimentación privilexiado que podemos estudar e aproveitar pero, sobre todo, do que debemos ocuparnos.
No marco dos Encontros Improvables da Casa Vella, Tamara Brito de Heer e Alejandra Balboa atópanse por primeira vez. Ambas nun principio descoñecidas unha para a outra, comparten sensibilidades, curiosidades e pensamento creativo ao mesmo tempo que crean un novo cotián compartido.
“Te invento como eres” é a obra fílmica que nace deste encontro. Despois de moito dialogar ao redor dos intereses, necesidades e desexos de exploración de cada unha, concluíron nun foco de traballo desde o que investigar a creación dun novo cotián e como a repetición, os automatismos e os camiños coñecidos permiten que emerxa a carga invisible das accións máis simples que conforman a nosa maneira de transitar a vida. A herdanza, o traspaso de coñecementos e o paso do tempo tamén teñen un peso nesta cristalización do traballo que resultou deste experimento creativo.
ALEJANDRA BALBOA & TAMARA BRITO DE HEER
Tamara Brito de Heer, nacida en Tenerife en 1986. é creadora audiovisual. O seu traballo céntrase na creación, documentación e realización audiovisual en proxectos sociais, de artes vivas e do movemento, así como no desenvolvemento e produción de proxectos artísticos cinematográficos de autoría propia. Actualmente é a directora audiovisual do Laboratorio de Artes Vivas de Tenerife
Alejandra Balboa, nacida en Pontevedra en 1992, é bailarina, graduada en 2015 pola Escola Superior de Danza de Lisboa na especialidade de creación e interpretación. A súa práctica artística está vinculada aos procesos de creación e interpretación, colaboración artística, acompañamento de procesos creativos e transmisión pedagóxica no marco das artes vivas. Actualmente está a desenvolver unha nova liña artística co violinista Pavel Amilcar e traballa como intérprete para as compañías Furia Sotelo, Babirusa Danza e Mariantònia Oliver.