MARIONA JAUME CAMPS & MAYA TRIAY

Mallorca

Descaminar-se

“Descaminar-se” é un proxecto que xurdiu da necesidade de explorar camiños que se atopan, que se cruzan, que se perden de vista. Rumbos que chegan a nosotrxs plenos de posibilidades, camiños que escollemos, camiños que queremos descaminar. Unha primeira parte da investigación de Descaminar-se tomou corpo en “Trenta-set i mig”, peza que as consagrou duo gañador do Certàmen d’Art Jove de lles Illes Balears, e permitiulles participar de MOV MOV, e de varios festivais e ocasións en Mallorca. Esta investigación experimentou cambios e transmutacións grazas á residencia na Casa Vella.

MARIONA JAUME CAMPS & MAYA TRIAY

Mariona Jaume Camps, nacida en Mallorca, é bailarina e xestora cultural. Actualmente reside en Madrid. Está graduada polo Conservatorio Superior de Danza de Madrid, en coreografía e interpretación de danza clásica e contemporánea (2020), e no Máster de Xestión cultural da UOC (2022). Como xestora, traballou en ELAMOR (compañía e produtora creativa), en iXa (proxecto de creación contemporánea), e segue no Festival Mobofest (festival de música), ademais de xestionar os seus propios proxectos. Doutra banda, actualmente é bailarina de “Lo que ocurre en un instante”, de Jesús Benzal (Teatros da Canle, setembro 2023), así como de “SOMNUS”, peza de Daniel Morais (Teatro Cuyás, xaneiro 2023). Ademais, é bailarina en activo de Cía Baal en “Baalconing” e “Super Frau”, de iXa no proxecto “Pioneras”, de Taiat Dansa en “Judith”, e bailarina e creadora de “Intacta” (residencias en EiMa e Azala, 2021). Tamén como creadora, empezou un duo con Maya Triay; “Trenta-set i mig”, en proceso de investigación aínda.

Maya Triay, nacida en Palma de Mallorca en 1996, é bailarina e creadora. Estudou o grao profesional de danza contemporánea na Iwanson International School for Contemporary Dance (Munich). Pasou un ano na compañía suíza Cinevox Junior e en xullo de 2018 obtivo o premio do Xurado no concurso de Novos Coreógrafos. Ese ano incorporouse ao BialyTeatrTanza, compañía de danza contemporánea de Varsovia, baixo a dirección artística de IzadoraWeiss. Tamén traballou como bailarina en varias óperas para os teatros Opera Narodowa, Opera Kameralna e Opera Bialystok. Actualmente, reside de novo en Mallorca, traballando en varios proxectos. Como intérprete traballou desde 2020 para Cia Baal en MiraMiró. En 2022, grazas a unha residencia artística no centro de creación EiMa, desenvolve o seu proxecto “Ella, regadera”. Este ano, está a traballar nunha nova creación titulada MAREA. Ademais de continuar cos proxectos mencionados anteriormente, investiga o proxecto “DESCAMINAR-SE” xunto a Mariona Jaume, que deu vida a un primeiro ensaio titulado “Trenta-set i mig”. Tamén forma parte da Xunta Directiva da Asociación Profesional de Danza das Illas Baleares. Ademais de bailarina e creadora, é profesora de Vinyasa Ioga e amante da comunicación, fala español, catalán, inglés, italiano e alemán.

Ir o contido